xoves, 27 de agosto de 2015

RADIO BOIRO: A esixencia de defender o público.



     A finais do pasado mes de xullo recibiamos a nova de que o Partido Popular de Boiro, despois de apenas transcorridos un par de meses dende as eleccións do 24 de maio, e sen telo mencionado durante a campaña nin na súa proposta programática, decidiu o peche unilateral da radio pública municipal. Dende entoces, tanto a veciñanza nas redes sociais e en foros e manifestacións públicas; como os grupos políticos da oposición seguindo as vías institucionais, reclamaron, reiteradamente información sobre o cese na emisión da radio pública, así como a esixencia na reanudación na programación de Radio Boiro. Con todo, a día de hoxe, casi un mes despois, non existe ningún pronunciamento do PP sobre este feito nin sobre a súa actuación.

     Radio Boiro é un medio de comunicación público con relevancia en toda a comarca do Barbanza. O seu amplo contido, dende o eido cultural ata o debate político, informaba de maneira crítica e plural a toda a veciñanza dende fai máis de 20 anos. Dende ela coñecemos a realidade das institucións culturais e deportivas da comarca, das asociacións e ONGs, dos partidos políticos e de todos aqueles colectivos que constrúen o día a día das veciñas e veciños de Boiro e da súa contorna. Por iso, unha decisión tan arbitraria e discrecional como a levada a cabo polo PP, que silencia a voz do pobo, que impide a divulgación da información que todas e todos aportamos a Boiro, é absolutamente intolerable. Trátase dun abuso de poder e dun ataque contra a democracia e a liberdade de expresión e de opinión, contra o dereito do pobo a ser informado dos asuntos que afectan directamente ao desenvolvemento da vida cotiá. O PP cortou así, premeditadamente e con total escuridade, a posibilidade de facer chegar ás e ós boirenses as novas, propostas e  iniciativas  de todo aquel discurso que poida diferir da ideoloxía sostida polo seu grupo político. A labor imprescindible e profesional exercida polas traballadoras e traballadores de Radio Boiro durante todos estes anos vese afectada pola vontade dun alcalde que  goberna dende a prepotencia e o autoritarismo. Unha vez máis o pobo de Boiro enfróntase a unha situación de subordinación respecto ao poder executivo municipal, que fai uso de tódalas ferramentas de limitación de dereitos ao seu alcance para saír fortalecido.

     Esquerda Unida Barbanza avoga pola unión de tódalas forzas políticas, asociacionistas, populares…  para dar a batalla fronte aos ataques contra o que é de todas e todos nós e que algúns pretenden facernos crer que lles pertence. Por iso, non deixaremos de estar nas mobilizacións na rúa nin nos actos institucionais que teñan lugar coa finalidade de recuperar para o pobo o que é do pobo. Esta loita esixe a ausencia de protagonismos e soberbias, posto que é precisa a acción colectiva e a implicación e solidariedade de todas e todos os barbanzáns para recuperar o que nos pertence como pobo. Non permitamos que nos sigan roubando os nosos dereitos e a nosa liberdade! É o momento de que a veciñanza de Boiro dea mostra de que non permitimos as inxustizas do poder económico e político!

Pola reapertura de Radio Boiro, polo futuro dos servizos públicos, unidade e mobilización!